Monday 20 de May de 2024

A Xunta desenvolverá, xunto co Colexio de Arquitectos de Galicia, unha guía sobre o emprego da cor e dos materiais para acadar unha verdadeira integración paisaxística das edificacións


Precisa que a guía será elaborada a través dun convenio dotado con algo máis de 163.000 euros, e coa finalidade de establecer unhas directrices técnicas, científicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais dos revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, periurbanas e rurais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, o deseño, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), dunha guía sobre o emprego da cor e dos materiais para acadar unha verdadeira integración paisaxística das edificacións das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a guía será elaborada polo COAG a través dun convenio dotado con algo máis de 163.000 euros, e coa finalidade de establecer unhas directrices técnicas, científicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais dos revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, periurbanas e rurais. “É dicir, marcar unhas pautas para acadar unha axeitada integración paisaxística e contribuír a unha mellora da calidade dos espazos públicos”, dixo, ao que engadiu que, deste xeito, definiranse os tipos de materiais máis recomendables para os diferentes elementos da construción en base ao territorio onde se van asentar, así como as gamas ou paletas de cores máis congruentes coa contorna na que se vaian empregar.

Para conseguilo, inicialmente elaborarase unha análise e diagnose previa en cada unha das doce grandes áreas que establece o xa aprobado Catálogo das paisaxes de Galicia. E, ademais, este proxecto procurará analoxías coa arquitectura popular galega de cada zona, aínda que poderá propoñer novas cores e materiais que harmonicen coa paisaxe.

Cómpre salientar tamén que todas as propostas que se recollerán neste documento terán un carácter orientativo e servirán de axuda para que os plans urbanísticos e instrumentos de ordenación poidan concretalas de forma máis detallada para ámbitos territoriais menores.

Para levar a cabo esta iniciativa, convocarase un concurso co COAG, que seleccionará seis equipos, traballando cada un deles en dúas das doce grandes áreas paisaxísticas, co obxectivo de contar cun documento a finais deste mesmo ano.

Feijóo lembrou que esta non é a primeira guía que se promove desde a Xunta para protexer a paisaxe galega. E, nesta liña lembrou que a Xunta xa impulsou: unha guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais; outra destinada aos sistemas praia-duna; e outro documento para a elaboración de estudos de impacto e integración paisaxística; aos que se engade esta cuarta que se suma tamén á Estratexia da Paisaxe.

“En definitiva, avanzamos no obxectivo de lograr una verdadeira integración, unha demanda social cada vez máis consolidada” dixo o presidente da Xunta, ao que engadiu que cómpre traballar moito en documentos e estratexias e regulando todo isto cunha lei para que a estratexia e os documentos teñan respaldo legal.

Trátase dunha decisión que cualificou de complexa pero considera que calquera Goberno da Xunta a seguirá nos vindeiros anos “porque non poderíamos, en ningún caso, perder o tempo investido con maior intensidade que nunca para poñer a Galicia como se merece”.